jueves, 4 de marzo de 2010

UTILIDADE DA MÚSICA NAS PERSOAS MAIORES


A utilización da música, e máis concretamente da memoria musicial, crea un instrumento na intervención sociocultural e na animación e estimulación das persoas maiores. Polo que se revela eficaz o seu uso por varias razóns:


- As melodías teñen un efecto evocador en tódalas persoas con independencia do seu nivel de escolarización, da súa clase social, nivel económico, lingua habitual, etc., mesmo se sofren algún proceso de deterioro cognitivo.

- Pode ser unha porta a outras actividades de índole diverso, como por exemplo a construcción de "instrumentos" caseiros.

- Poder ter un carácter transversal: historia, literatura, xeografía, bioloxía... e tamén un carácter interxeracional.

- Mellora a autoestima dos participantes, crea espiritu de equipo, afinidades e rivalidades, facendo aflorar sentimentos e emocións.

- Permite que as persoas maiores se convirtan en axentes conservadores e transmisores da cultura, exercendo unha función social útil.

O PAPEL DA MULLER NA TRANSMISIÓN


As nais, as avoas e as mulleres en xeral xogaban un papel fundamental na transmisión dos arrolos, das coplas e das cantigas.


Elas foron, e son aínda, en boa medida as que permitiron, ou mellor dito, impulsaron a conservación desta parte do noso patrimonio cultural, porque a súa actitude era e segue sendo moito máis activa que a do home.

A TRANSMISIÓN DAS CANTIGAS


¿COMO CHEGABAN AS CANTIGAS E AS MELODÍAS FORÁNEAS Á NOSA TERRA?

É un interesante tema para debatir en grupo, porque cada participante a través da súa experiencia vai afrontar diversas respostas entre as que podemos atopar sen dúbida algunhas das seguintes:

- Na casa aprendíanse as cantigas da primeira infancia, escoitándollas ás nais e ás avoas.

- Na casa tamén se aprendían retahílas, adiviñas, trabalinguas e acertixos.

- Xogando con outros nenos e nenas aprendíanse as cantigas da corda, da roda, as sortes e todas aquelas melodías que tiveran relación cos xogos.

- Algunhas cantigas vencelladas ós xogos eran propiciadas polos mestres; case exclusivamente as que se cantaban en lingua castelá.

- Nas festas, por medio das charangas e orquestas;

- Nas romerías e festas de campo por medio dos cegos, dos mendiños...

- Nas fiadas, esfolladas, seráns e troulas.


Hai que considerar tamén que menos habituados ó uso da escritura, os nosos devanceiros tiñan a memoria auditiva moi desenvolvida.

- Ca radio, a partires dos anos 50, onde xa había aparellos en moitas casas.

- Co servicio militar.

- Co contacto entre persoas procedentes doutras localidades.

- Co cine: Gardel, Imperio Argentina...

Hai que dicir tamén que o canto estaba presente en moitas actividades da vida cotiá.

- Ó rematar os labores agrícolas importantes: sega, malla, vendimia...

- Nas labores realizadas colectivamente: fiadas, esfolladas...

- Cando estaban as costureiras nas casas. Elas xogaron un papel moi importante á hora de levar cantigas e coplas dun lugar a outro.

- Para face-lo camiño máis curto cando ían ou volvían dunha feira, festa ou romería.

- Ó lavar nos lavadeiros públicos ou nos ríos.

- Ó ir a fonte ou apaña-la herba.

- As criadas traían consigo as súas cantigas ás casas nas que servían, e ensinábanllas ós nenos máis pequenos.