lunes, 8 de marzo de 2010

DIFERENCIAS DE XÉNERO NA MÚSICA


Coma un aspecto máis da cultura tradicional a relación dos homes e mulleres coa música reflexa profundas diferencias de xénero.


No tocante ós instrumentos, ás mulleres estáballes reservada case exclusivamente a percusión: pandeiretas, pandeiros, cunchas, latas do carburo, botellas de anís, culleres, sachos que se percutían con pedras, tixolas que se percutían cunha chave... É dicir, a meirande parte deles nin sequera eran verdadeiros instrumentos, senón trebellos de uso cotiá. Os homes tocaban o tambor, a gaita, bombo, requinta, etc.


A actividade musical desenvolvida polas mulleres endexamais era remunerada, a diferencia dos homes (gaiteiros, acordeonistas, compoñentes de charangas, etc) que cobraban, aínda que tiveran que alternar as actividades musicais co traballo agrícola.


Algúns aprendían solfeo no exército e podían formar parte dalgunha banda de música. En cambio as mulleres non entraron nas bandas ata os anos 70 do século pasado.

A actividade musical das mulleres quedaba restrinxida ó ámbito máis privado (seráns, troulas, fiadas, esfolladas...), mentres que a dos homes era máis pública: alboradas, bailes da saída da misa, festas patronais, romarías, etc.